Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 22/5/2008
Concentráronse diante do Policlínico da Rosaleda en Compostela
Continúan as mobilizacións polo convenio da Sanidade Privada da provincia da Coruña
Sanidade Privada. Rosaleda. 1
A patronal da Sanidade Privada-Concertada séguese a negar a negociar o convenio colectivo e a mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores do sector. Por iso na mañá deste xoves 22 de maio celebrouse unha nova concentración diante do Policlínico da Rosaleda, en Compostela, para denunciar a situación nas que se atopan e reclamar unha inmediata solución.

Denuncian que a carga de traballo é tal que por cada tres enfermeiras que atenden na pública, na sanidade privada-concertada atende unha. Ademais, o persoal vese na obriga de traballar entre 203 e 340 horas máis que os compañeiros e compañeiras da pública e os salarios son tan baixos que en non poucos casos teñen que traballar tanto no sector público como no privado para acadar unas condicións salariais dignas, bordeando ou incumprindo a Lei de Incompatibilidade.

De feito, unha enfermeira/o na sanidade privada-concertada cobra 879 euros, fronte aos 1.774 euros que cobran na pública e un/unha auxiliar cobra 737 euros fronte aos 1.158 que cobran na pública.

Consideran que padecen unha carga excesiva de traballo, descansos insuficientes, cadros de persoal escasos, por mor da súa redución, e que teñen que se enfrontar ademais a ameazas de despedimento. Unha situación de precariedade laboral que mesmo pon en perigo a calidade asistencial.

“Non entendemos como, desde unha patronal que está apagar uns dos salarios máis baixos de Galiza, séguese a negar a negociación colectiva dunhas medidas retributivas, cando os beneficios empresariais seguen medrando”, afirman.

O convenio da Sanidade Privada-Concertada da provincia da Coruña afecta ao persoal de hospitais como o Juan Cardona de Ferrol; o Policlínico Santa Teresa, o Sanatorio Modelo, o Hospital San Rafael, o Euroespes e o Centro Oncolóxico da Coruña e o Policlínico A Rosaleda, o Centro Médico A Rosaleda e máis o Hospital A Esperanza de Santiago, ademais de todos os laboratorios de análises clínicas e consultorios privados.