Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 23/5/2008
Desde que comezara a negociación do Convenio provincial do metal de Ourense a CIG manifestou a súa oposición ao intento dos empresarios de facer laborábeis os sábados, incluindo unha cláusula para que aqueles que "voluntariamente quixeran" realizaran tamén xornada laboral os sábados, marcando unha porcentaxe do 25% do persoal para facer esta xornada.
CCOO e UGT aceitaron a proposta, pero a oposición firme da CIG e a difusión entre os traballadores do que estaba a acontecer na mesa de negociación, provocou que na reunión que se celebrou o 22 de maio UGT tamén se unira á posición da CIG de rexeitar máis xornada laboral, porque como sinalaba Xosé Lois Freire, secretario comarcal de Negociación Colectiva da CIG Metal de Ourense "sabemos que a voluntariedade para as persoas con contrato temporal vai ser obrigatoriedade, e sabemos que se comeza por fixar un tanto por cento de traballadores para o sábado e rematamos por traballar todos o sábado".
Asemblea e concentración
Para debater e analizar o desenvolvemento da negociación deste convenio tivo lugar unha asemblea de delegados do metal no local comarcal da CIG de Ourense, a segunda que se celebra deste tipo. Despois estes traballadores concentrábanse diante da Confederación de Empresarios de Ourense, na demanda dun convenio que acade melloras laborais e sociais para estes máis de 4.500 traballadores afectados por esta negociación colectiva. Berráronse consignas de critica a CCOO e UGT, "unidade sindical" ou "convenio digno para o metal".
Esta xuntanza só durou unha hora, e adiouse de novo a negociación para o 29 de maio ás 18 da tarde de novo.
Plataforma da CIG
Xosé Lois Freire, secretario comarcal de Negociación Colectiva da CIG Metal, subliña que "queda moito por falar, e pode ser que mesmo os empresarios quixeran utilizar o tema do aumento da xornada para desviar a atención, pero nós non imos permitir ningunha perda de dereitos nin, aínda por riba, termos que traballar os sábados".
A CIG, que é a segunda forza sindical do Metal na provincia de Ourense co 33%, presenta unha plataforma sindical para esta negociación no que propoñen un convenio con duración dun ano, que se reduza oito horas a xornada, un día máis de vacacións, unha suba de 70 euros lineais nas 14 pagas, que se estableza un 80% de fixos, a criación dun plus de eventualidade, prohibición das empresas de traballo temporal e un plus por traballos especiais, entre outras melloras.