Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 2/6/2008
Corenta persoas uníronse a unha protesta da CIG – Servizos fronte a este local hostaleiro
Un restaurante de Culleredo despide un traballador que se acolleu a unha licenza por enfermidade da muller
Represión no Restaurante Lenda 1
O Restaurante Lenda, sito na Corveira (Culleredo), despediu un traballador que fixo uso dunha licenza cando a súa muller caeu gravemente enferma. Este despedimento, á parte de inxusto, é improcedente pois o Convenio Provincial de Hostalaría recoñece o dereito dos traballadores a gozar de licenzas en caso de que os seus cónxuxes estean enfermos ou hospitalizados, como ocorreu neste caso.

A CIG-Servizos respondeu a esta actitude despótica, mafiosa e atentatoria contra os dereitos máis elementais dos traballadores realizando, o 31 de maio, unha concentración ás portas do estabelecemento hostaleiro, á que se uniron por volta de 40 persoas, entre membros da central, amigos e familiares do despedido. A protesta decorreu sen incidencias, mais isto non impediu que axentes da Guardia Civil (chegaron a contabilizarse até 12 no lugar) identificasen e rexistrasen varios compañeiros do sindicato e cidadáns solidarios co traballador. Tamén foi censurábel a actitude exhibida pola propietaria da parrillada “A Costela”, situada ao carón do restaurante denunciado, que comezou a provocar e proferir improperios contra os concentrados.

O empregado represaliado, cociñeiro de profesión e militante activo da CIG, levaba máis de tres anos traballando no restaurante sen ningún tipo de problema. A situación mudou hai seis meses, cando o negocio cambiou de propietario.

O actual dono do restaurante, cando se decatou de que a CIG o ía denunciar, comezou unha campaña de difamacións, calumnias e denuncias falsas contra o traballador. O despedimento do compañeiro non foi o único no Restaurante Lenda nas últimas semanas, pois o patrón botou á rúa outro empregado días despois.