Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 6/6/2008
Nun primeiro momento, Xoan Xosé Melón participou do encontro da Federación Latinoamericana dos Sindicatos da Construción e da Madeira, pertencentes á FSM, no que durante toda unha xornada se realizou unha analise en profundidade de como está a situación a nivel político e sindical en América Latina, e como influían as mudanzas que está a haber nos gobernos nesta zona, asi como o impulso e crecemento dos movementos populares.
Tratouse a cuestión da "colombización" de Perú e Panama, por intereses do capital norteamericano, e por exemplo, están a ser habituais os asasinatos a dirixentes sindicais tamén en Panamá.
A situación no Perú
No Perú, os sindicalistas tamén viven baixo ameaza, segundo relataban os sindicalistas alí presentes, e nos 22 meses do novo goberno houbo xa 25 asasinatos de labregos e das persoas máis activas dos movementos populares. Mesmo se está a promover lexislación para frear as mobilizacións. O 9 de xullo vai haber un paro nacional cívico popular, para que se visualice que hai unha resposta organizada ao goberno.
Os sindicalistas colombianos relataron como nos últimos dez anos morreron máis de 3.000 traballadores e sindicalistas, e 25 sindicalistas só no que vai de ano. De feito, o goberno de Uribe vai criar unha nova central sindical co apoio económico do goberno.
Tamén falaron os sindicalistas de Chile para criticar fortemente ao seu goberno, que permite que os recursos do seu país, mesmo os enerxéticos, estean en máns das transnacionais e do capital foraneo.
En Ecuador houbo unha xuntanza previa e este encontro, no que se encontrou todo o movemento sindical, e no que se unificaron criterios para saber como encarar esta nova situación en América Latina.
Xuntanza da UITBB
A UITBB, que é a Federación da Construción e da Madeira da FSM reuniuse tamén en Sao Paulo, para realizar unha valoración máis global de 25 países de todos os continentes da situación do movemento sindical e dos traballadores da Construción.
Unha das cuestións de maior debate foi a cuestión do amianto, xa que se continúa a producir amianto e a traballar con el, sobre todo nos países en vías de desenvolvemento, onde é un material común de traballo, malia aos seus demostradisimos efectos canceríxenos. Brasil e Canadá son os maiores produtores deste material. Neste encontro denunciaron os apoios económicos que se esconden detrás desta produción, que provocan un silenciamento dos seus efectos, e que se continúa a implantar.
Por último, a CIG Construción participou como convidada no Congreso dos Marceneiros de Sao Paulo, que é a federación dos carpinteiros da CTB.
Avaliación positiva da participación
Xoan Xosé Melón, xa de regreso, avalia moi positivamente esta viaxe xa que "é interesante participar destes foros de debate, de analise e situación, porque tes de primeira mán e da voz doutros compañeiros sindicalistas o que está a acontecer noutras partes do mundo, e foron todos uns relatos dos que tiven a impresión que estaban moi axustados á realidade".
Por último, Melón engade que "tamén tivemos a oportunidade de dar a coñecer cal é a situación no noso país e compartillar experiencias, e, en definitiva, foron dias moi intensos e de moita riqueza".