Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 11/6/2008
Nesta reunión, que se plantexa como unha primeira toma de contacto, os representantes dos traballadores/as exporanlle as súas demandas a esta empresa e preguntaranlle cal vai ser a súa actitude respecto das súas demandas. Porén, o cadro de persoal é consciente de que non existe ningunha solución sen o compromiso da Dirección Xeral de Protección Civil e da Consellaría de Presidencia, de quen depende directamente este servizo.
Nesta xuntanza, haberá que falar, necesariamente, da organización do tempo de traballo, do salario e de medidas sociais que melloren as condicións laborais que até o de agora sofren as/os traballadoras /es do 112.
As mobilizacións iniciadas hai uns meses polo cadro de persoal, que até o momento se centraban na información á cidadanía da situación laboral de precariedade deste servizo non rematarán polo feito de terse concertado esta xuntanza. Moi á contra, está previsto que aumente a intensidade con concentracións programadas para a semana que vén, ás que non se lles porá fin até non ter asinado un acordo satisfactorio.
Isto é así porque xa en dúas ocasións tanto a empresa como a Dirección Xeral de Protección Civil faltaron aos seus compromisos, adquiridos previamente cos traballadores/as. Por iso, desta volta non é posíbel ningún tipo de distensión até non existir unha solución definitiva ao conflito.