Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 12/6/2008
Os paros que veñen mantendo nos últimos xoves os traballadores de Telefónica de todo o Estado español están convocados pola CIG e os sindicatos AST, Co.bas, EC, ESK, ELA e LAB, aos que agora se suman outras forzas como CGT e algún Comité de Empresa Provincial como o de Madrid, onde está case un terzo do cadro de persoal de todo o Estado.
A pesar dos enormes beneficios que durante os últimos anos presenta a empresa, e das subas salariais que está aplicando nos directivos, Telefónica pretende rebaixar substancialmente as condicións laborais e o salario dos seus traballadores. A empresa mantén a súa insistencia en aplicar un novo modelo de clasificación profesional, na que dificilmente se podería ofrecer un servizo de calidade aos usuarios, e reformar a actual estrutura salarial rebaixando o salario base e anulando a antigüidade.
As demandas dos traballadores van dende a creación de emprego para resolver problemas ocasionados pola constante redución de persoal (neste último ERE case 14.000 traballadores) até a mellora das condicións laborais que permitan unha mellor atención aos usuarios, reducindo a carga de traballo e mellorando a cualificación profesional.