Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 18/6/2008
Os Comités de Empresa de Serrabal e Ferroatlántica, xunto con representantes das organizacións sindicais CIG e UGT, denunciaron -na rolda de prensa que se convocou na propia mina- a actitude do Presidente da Xunta, a quen responsabilizan do conflito e de negarse sequera a dialogar. Unha rolda de prensa atípica na que os traballadores, coa súa masiva presenza, quixeron deixar constancia de que se están alí é porque queren e que ninguén lles di como, cando, onde e por que teñen que mobilizarse, ademais de denunciar a manipulación informativa da que foron obxecto nos últimos días por parte de certos medios de comunicación.
Se a ausencia de diálogo e os incumprimentos reiterados dos compromisos adquiridos por parte de representantes do goberno da Xunta de Galiza, nomeadamente do seu Presidente, xa tiña anoxados aos traballadores, as declaracións de Emilio Pérez Touriño nos últimos días e a manipulación informativa á que se prestaron algúns medios de comunicación, incrementaron o cabreo.
Touriño intentou desviar a atención dos problemas centrais polos que se veñen mobilizando os traballadores e traballadoras de Serrabal e Ferroatllántica -o cambio de trazado do TAV, o mantemento dos postos de traballo presentes e futuros, o desenvolvemento industrial derivado da extracción de silicio solar e a viabilidade das empresas que dependen do extraído na mina- insinuando que os traballadores estaban sendo manipulados polo empresario.
Por iso, xa na primeira intervención na rolda de prensa e logo en cada unha das que fixeron, non só os membros da mesa senón tamén os traballadores que arroupaban aos seus representantes nos Comités de Empresa e sindicais, quedou claro que “estamos aquí por iniciativa propia, non estamos mandados por ninguén. Por iniciativa propia e defendendo os nosos intereses. O mesmo que fixemos desde que comezaron as mobilizacións”.
E unha vez aclarado este punto, mesmo explicando que até os camións que pechan o paso dos vehículos na pista de acceso ao banco cero, onde se atopa a principal veta de silicio solar e que quedará soterrada baixo os raís do TAV, son propiedade dos seus condutores, entraron no cerne da cuestión.
O cambio de trazado
A principal demanda dos traballadores e traballadoras é o cambio de trazado. Unha posibilidade que tanto desde o Ministerio de Fomento como desde a presidencia da Xunta e da consellaría de Política Territorial se negaron a valorar. A principal xustificación que esgrimían, até o de agora, era o atraso que esa modificación provocaría no remate das obras desta infraestrutura. Un atraso que agora xa sabemos que vai estar provocado polo propio Ministerio de Fomento, que nin se atreve a estas alturas a determinar en que ano da próxima década chegará o AVE a Galiza.
Porén, mentres en Serrabal é incuestionábel a súa modificación, noutros tramos –Ourense, Lalín...- estanse a aprobar modificacións ou estabelécense compromisos para valorar posíbeis alteracións do mesmo. O último á súa entrada en Compostela e promovido polo alcalde socialista Xosé Sánchez Bugallo. O rechamante é que en ningún destes casos se fala de atrasos, só en Serrabal.
Unha circunstancia que leva a cuestionarse “que intereses son os que defende o sr. Touriño?”. Quen lanzaba esta pregunta era o propio secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen ademais lembrou que cando se celebraron as primeiras mobilizacións, con gobernos do PP tanto en Madrid como en Galiza, os grupos que forman o actual goberno da Xunta, daquela na oposición, “eran os primeiros en pedir o cambio de trazado”.
De sentido común
Para os traballadores o cambio de trazado é de sentido común. Por unha banda, o Tren de Alta Velocidade vai pasar por riba do único xacemento de silicio solar desta calidade de Europa. Pola outra, inviabiliza proxectos de desenvolvemento industrial que dependen da súa extracción, como os relacionados co aproveitamento da enerxía solar. Ademais, aínda que non está expropiada a zona colindante da mina, os traballadores aseguran que será imposíbel a súa explotación. De feito, é difícil crer que a unha distancia de 150 metros dunha infraestrutura destas características van continuar as voladuras con dinamita.
Nove millóns de euros para un proxecto que, sen silicio solar, non se vai poder desenvolver
O que queda en cuestión, en consecuencia, é que os postos de traballo presentes e futuros estean garantidos. O Presidente da Xunta, sen presentar ningún documento que o avale nin comprometerse por escrito cos traballadores, asegura que non vai ter repercusión algunha no emprego. Os traballadores non están tan seguros, porque nas plantas de Ferroatlántica pretendíase desenvolver un proxecto industrial relacionado coa produción de paneis solares. Porén, sen o mineral estes proxectos quedan frustrados e con el os postos de traballo que xeraría. De feito, o pasado mes de novembro a Xunta de Galiza concedeu 9 millóns de euros en concepto de I+D+i para promover a investigación na transformación do silicio solar. En Sabón estábase comezando a fabricar e logo continuaríase nas outras plantas de Ferroatlántica. “Como é posíbel que se lle dean 9 millóns e logo se lle quite a materia prima?”, pregúntase Manuel Leira, do comité de Empresa de Sabón.
Neste sentido, Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela salienta que se Villar Mir. “non desenvolve aquí estes proxectos acabará por facelo noutro sitio grazas aos cartos públicos investidos. Cartos que saen dos petos de cada un e cada unha de nós”. Cómpre pois preguntarse, quen está a favorecer os intereses de Villar Mir aquí.
De aí que Suso Seixo asegure que “é irracional” obstinarse en manter un trazado que ten estas consecuencias e que afirme que “se esta situación se dera en calquera outra parte do estado español, non pasaría”.
O máis preocupante para o secretario xeral da CIG é que nin un só representante do goberno galego se achegou á mina para comprobar, in situ, de que están a falar os traballadores, o que denota, “a súa total despreocupación”.
Os existentes pero descoñecidos informes
Se grave é iso, máis grave aínda é que a decisión de manter contra vento e maré o actual trazado estase a adoptar se coñecer sequera o contido dos informes elaborados pola Universidade de Oviedo. Informes dos que nin dispón a Xunta de Galiza nin foron proporcionados aos traballadores malia demandalos de forma sistemática e polos que se pagou, por un só, 400.000 euros procedentes do erario público.
“Non os conseguimos nin a través do ADIF, nin a través das diferentes consellarías, nin a través do Parlamento de Galiza. Que é o que conteñen para que se nos oculten?”, pregunta o secretario xeral da CIG.
O grupo parlamentario do BNG a través do seu deputado Fernando Blanco, solicitounos á consellaría de Política Territorial para poder coñecer o seu contido. A resposta da súa titular, María Xosé Caride, foi que llos pediran a Industria ou a Traballo porque, ao parecer non teñen que ver coa súa consellaría.
A CIG, a través do seu gabinete xurídico e conforme á Lei 27/2006 de acceso á información ambiental solicitou estes catro informes, elaborados por Daniel Arias Prieto, ao propio ADIF. O interese destes estudios ven dado porque permitirían determinar o valor económico, ambiental e canto a recursos mineiros de Serrabal. Porén o ADIF denegou o acceso aducindo que non teñen información ambiental, só económica.
Héctor López de Castro Ruíz, do Gabinete Xurídico da CIG explica que é unha escusa e que xa se acordou presentar un recurso contra esta decisión. “Dicir que isto non é información ambiental é contrario aos acordos da conferencia Interministerial da UE, celebrada en Aarhus, Dinamarca, o 25 de xuño de 1998, porque aí se determinou que dentro do concepto de información ambiental están as análises de custos e beneficios e outras análises e hipóteses económicas utilizadas na toma de decisións en materia ambiental”.
O 27 de xuño do 2007 o Parlamento de Galiza aprobaba, por unanimidade, unha resolución que está pendente de executar porque implica, entre outras cuestións, que a administración recade toda a documentación existente relativa a este trazado e ás repercusións que tería. Porén, aínda non dispón deses catro famosos informes nos que o ADIF basea a súa decisión de manter o actual trazado.
Por iso Noceda asegura que “o Presidente da Xunta ten máis preocupación por levantar cortinas de fume que por debater realmente sobre o que vai acontecer cos postos de traballo en Serrabal e en Ferroatlántica, ou por saber en que medida afecta ou non este trazado ao desenvolvemento dunha industria que podería ser punteira en Galiza”.
Unha chamada ao diálogo
Tanto os representantes sindicais como os dos comités de empresa aseguraron que a única saída posíbel a este conflito é o diálogo. José Manuel Rama, do comité de Empresa da planta de Ferroatlántica en Sabón, aseguraba que aínda que polas declaracións de Touriño e polas informacións aparecidas en prensa parece que se está a preparar á opinión pública para xustificar unha entrada pola forza dos antidisturbios, os traballadores van continuar mobilizándose e “que van facer, deixalos aquí para controlar as obras durante os anos que duren?”, preguntábase.
Pola súa banda Florentino Castro, do comité de empresa de Ramsa, concesionaria da explotación da mina de Serrabal, -que tamén insistiu en que non cesarán as mobilizacións e que se os botan hoxe regresarán mañá-, sinala que outro dos problemas nos que semella non ter reparado o actual goberno é en como se vai soluiconar o problema da convivencia das máquinas das obras do TAV coas da propia mina. “Aquí non cabemos todos, quen se vai marchar?”.
Por iso todos coinciden en que, sen diálogo, non hai solución. Un diálogo polo que sempre apostaron os traballadores e que, de terse producido, non chegaría o conflito a este punto.
O secretario xeral da CIG adiantou que xa se remitiran novas solicitudes de entrevista ao Presidente da Xunta, ao conselleiro de Industria, ao de Traballo e á de Política Territorial. Tampouco é que confíen nos resultados desas entrevistas porque, como ben lembraron, o Presidente da Xunta xa os enganou unha vez asumindo compromisos que nunca cumpriu e emprazándoos para unha seguinte xuntanza que nunca se chegou a celebrar.
Haxa ou non entrevistas, o compromiso destes traballadores é firme e continuarán coa súa acampada impedindo o acceso aos técnicos do ADIF para tomar posesión dos terreos do xa famoso banco cero. “Non sabemos se ao final imos vencer ou non. O que si sabemos é que imos saír, ao final do conflito, coa cabeza moi alta e no imos deixar que nos machaquen, por moito que intenten manipular as informacións certos medios de comunicación. A nosa proposta de trazado é a máis razoábel e a máis segura e aos galegos e galegas o que lles preocupa é que se defendan os seus interes e non se o trazado pasa 200 metros máis arriba ou 200 metros máis abaixo”, sostén Suso Seixo.