Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 19/6/2008
CIG-Ensino cualifica a actitude da consellaría de “ineptitude” e “autoritarismo”
Ábrese o prazo de matrícula para o Bacharelato sen ter aprobado o novo Decreto de currículo
08/05/14 CIG-Ensino
A Consellaría de Educación vai clausurar o curso o día 20 e vén de abrir a matrícula para o Bacharelato. Porén, aínda non ten aprobado o novo Decreto do currículo polo que se vai ordenar o Bacharelato para o curso vindeiro. Esta situación agrávase, aínda máis, porque o propio proxecto de Decreto derroga a Orde que regula as optativas e a Consellaría non presenta, nin sequera, o borrador dunha nova.

Todo este despropósito empeora, segundo CIG-Ensino, polo feito de que a Consellaría estivo actuando de costas ao profesorado, malia as folgas, múltiples mobilizacións e accións promovidas. “A Conselleira, como mostra do seu autoritarismo, nunca se prestou a responder nin atender as diferentes solicitudes de entrevista, por parte da CIG, para expoñer as reivindicacións do profesorado diante do noso Decreto de Bacharelato”, explican.

Tan só se recolleron, moi parcialmente, as reivindicacións da CIG-Ensino ao aplicar, na práctica, que os centros que teñan bacharelato oferten, cando menos, dúas especialidades, que a Tecnoloxía se vexa reforzada no currículo e se amplíe nunha hora a carga lectiva da Educación Física. Mais quedan evidentes deficiencias no actual borrador que empeora a calidade do ensino, ao reducir materias fundamentais como son a Filosofía e a Historia.

En calquera caso, esta demora que a CIG-Ensino considera “inxustificábel” causa graves trastornos ao proceso de matriculación do alumnado e á organización escolar, xa que o proceso de matriculación remataba o curso pasado o 10 de xullo e este curso prolóngase até o día 20 de xullo.

Mais,” o máis indignante é que na orde do día da Mesa Sectorial, prevista para o día 20, non se contempla a discusión da normativa que regula as optativas” afirman desde a federación de Ensino da CIG. Aínda está en vixencia unha Orde que estabelece as materias optativas ás que pode optar o alumnado. Esta Orde derrógase co novo Decreto. O novo Decreto está sen aprobar e ten que se pór en vixencia para o curso vindeiro. Entón, no momento en que se publique, se non se acompaña cunha nova orde que regule as optativas, os centros e o alumnado non coñecerán as optativas que oferta o centro á hora de matricularse. “Todo un despropósito”, engaden.

O mesmo está a acontecer coa publicación do currículo de Infantil que está informado polo Consello Escolar de Galiza desde outubro de 2007 (hai 8 meses) e continúa sen se publicar, cando entra en vixencia para toda a etapa, o curso vindeiro.

Perante esta situación, a CIG-ENSINO exixe que o novo Decreto de Bacharelato amplíe cunha hora lectiva máis das previstas as materias de Filosofía e Historia e se negocie, urxentemente, a orde que recolle a oferta das optativas. Ao mesmo tempo, demandan a inmediata publicación do Decreto de Infantil.