Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 24/6/2008
María José Alonso, secretaria comarcal da Muller da CIG Servizos, Placer Vila, secretaria comarcal da Muller da CIG de Vigo, Ester Mariño, técnica de igualdade da CIG de Vigo, e Trinidad Villar, técnica de saúde laboral da CIG, participaron desta rolda de prensa.
Placer Vila presentou esta campaña, que comezaba o luns 23 cunha reunión da CIG coa Inspección de Traballo, na que se abordou esta tema, e na que se demandou firmeza e compromiso das administracións competentes para loitar contra a impunidade que existe e coa que actúan empresas e mútuas, poñendo en risco moitas veces a saúde das embarazadas e limitando os seus dereitos económicos e laborais.
Obxectivos da campaña
Vila subliñou que os dous obxectivos da campaña son "o primeiro informar ás mulleres embarazadas ou lactantes dos pasos a seguir que deben facer cando están nesa situación para protexerse deses posíbeis riscos no seu posto de traballo. Queremos que saiban que a empresa lles ten que adaptar o posto de traballo, e no caso de que non haxa un posto exento de riscos, e ese posto poda conlevar algún tipo de risco para a saúde da nai e dos fillos ou fillas, pode ter acceso a unha prestación pola situación de risco no embarazo e na lactación natural, coa que a muller cobra o 100% da base reguladora do último mes traballado. O segundo obxectivo é denunciar as trabas que as empresas e as mútuas lles están a poñer ás mulleres que solicitan este tipo de prestación".
Insensibilidade no mundo laboral
Ester Mariño, técnica de igualdade da CIG, criticou a "falta total de sensibilidade que existe no mundo laboral diante deste tipo de situacións, e provoca que mulleres que deberían estar a cobrar esta prestación, están de baixa por enfermidade común, e isto débese a que hai un nivel moi alto de desinformación de todos os axentes".
Mariño destacou que "é importante que rachemos coa idea de que un embarazo é estar enfermas, porque realmente os problemas de moitas mulleres se derivan da falta de saúde laboral coa que se encontran no seu posto de traballo".
Vintecinco casos neste mes
A técnica de igualdade deu a coñecer a cifra de casos de mulleres que comezaron o proceso para que se lles recoñeza a situación de risco de embarazo no seu posto de traballo, e que están a ter problemas nestes trámites. Son un total de vintecinco mulleres da comarca de Vigo, e moitas con situacións obxectivas de risco.
Mariño criticou tamén o complexo deste trámite que "ten que partir da propia traballadora, e que se pode alongar este proceso durante máis dun mes na mútua, co perigo que supón para o embarazo e a lactación natural".
Sen estudos específicos
Trinidad Villar, técnica de saúde laboral da CIG, lamentou que "non existan estudos específicos sobre prevención de riscos na situación de embarazo ou lactancia natural, para, por exemplo, avaliar postos de traballo para mulleres embarazadas".
Villar afirmou que "hai unha ilegalidade total nas empresas, por non ter avaliado as consecuencias que os riscos dun posto de traballo pode ter para as mulleres embarazadas ou en período de lactación". A técnica de saúde laboral deu a coñecer que só nas últimas dúas semanas xa se presentaron diante da Inspección de Traballo seis denuncias de mulleres que están a ter problemas para que se lles recoñeza a situación de risco laboral.
Ilegalidade permitida pola Administración
Villar subliñou por último que esta situación tan problemática para as mulleres que traballan embarazadas ou en período de lactación natural "é unha ilegalidade permitida dalgunha forma pola Administración porque non pon medios materiais nin humanos que vixie esas vulneracións de dereitos que se están a dar.