Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 27/6/2008
Os empregados secundan un paro e volven concentrarse diante da sede
A dirección da Cruz Vermella continúa a manter unha postura inflexíbel e despide unha traballadora
Protesta no simulacro da Cruz Vermella
Traballadores da Cruz Vermella de A Coruña expresaron as súas reivindicacións durante a organización dun simulacro de rescate realizado no Orzán por voluntarios da entidade (25-06-2008).
O comité de empresa provincial da Cruz Vermella de A Coruña reitera as súas denuncias pola paralización da negociación do convenio colectivo. A dirección da ONG segue sen presentarlle á parte social unha nova proposta salarial e, aínda por riba, despediu unha empregada hai días alegando que “non hai cartos para manter o emprego”.

Os traballadores e traballadoras da Cruz Vermella en A Coruña trasladaron as súas protestas até a praia do Orzán o 25 de xuño, coincidindo coa realización dun simulacro de rescate no mar por parte de voluntarios da entidade.

O 27 de xuño os empregados secundaron un paro de media hora e volveron concentrarse diante da sede coruñesa. Pola súa banda, o comité de empresa explica que, na última reunión da mesa de negociación, a empresa non presentou unha nova proposta salarial e “simplemente se dedicou a dar voltas e voltas, como leva facendo desde o inicio da negociación (en febreiro deste ano)”.

Despedimento dunha empregada

Os representantes dos empregados expresan o seu desacordo total co despedimento dunha traballadora hai escasos días. A empresa xustificou esta medida alegando que “non hai cartos para manter o emprego”. Porén, os traballadores critican que si haxa diñeiro “para simulacros propagandísticos e para xantar en hoteis de 5 estrelas".

O comité indica que a compañeira despedida “tan só cometeu os delitos de apoiar as reivindicacións salariais do cadro de persoal e de non facerlle a pelota á dirección”. Este despedimento, explica o comité, ten por obxectivo estender o medo entre os traballadores como unha estratexia para dividilos e pon de manifesto unha vez máis “a actitude caciquil, pouco humanitaria e arbitraria desta entidade, por moito que despois nos vendan o contrario”.