Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 28/6/2008
CIG – Servizos anima a cidadanía a boicotear o Restaurante Lenda, en Culleredo
Repítense as protestas contra o restaurante que botou un cociñeiro que se acolleu a unha licenza por enfermidade da muller
Contra as represalias no Restaurante Lenda 3
A CIG-Servizos de A Coruña prosegue coa campaña de denuncia do despedimento dun cociñeiro do Restaurante Lenda, na Corveira (Culleredo), que foi botado polo xefe logo de que se acollese a unha licenza por enfermidade grave da muller. Na noitiña do 27 de xuño, os bombos, tambores e megáfonos volveron atronar ás portas deste local hostaleiro para deixar constancia entre a veciñanza e clientela da indecencia e falta de humanidade do propietario do Restaurante Lenda, Manuel Rey Luhía.

O despedimento de Juan, que así se chama o compañeiro represaliado, á parte de inxusto, é improcedente pois o Convenio Provincial de Hostalaría recoñece o dereito dos traballadores a gozar de licenzas en caso de que os seus cónxuxes estean enfermos ou hospitalizados, como ocorreu neste caso. Juan xustificou correctamente, por medio dun burofax, os días que se ausentou do seu posto para atender a súa dona.

O empregado despedido, cociñeiro de profesión e militante activo da CIG, levaba máis de tres anos traballando no restaurante sen ningún tipo de problema. A situación mudou hai seis meses, cando o negocio cambiou de propietario.

O actual dono do restaurante, cando se decatou de que a CIG o ía denunciar, comezou unha campaña de difamacións, calumnias e denuncias falsas contra o traballador. O despedimento do compañeiro non foi o único no Restaurante Lenda nas últimas semanas, pois o patrón botou á rúa outro empregado días despois.

Ligazóns relacionadas:

Un restaurante de Culleredo despide un traballador que se acolleu a unha licenza por enfermidade da muller

Blogue da sección de Hostalaría da CIG-Servizos de A Coruña