Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 30/6/2008
O acordo estipula que o novo convenio colectivo de Albada teña unha vixencia de tres anos (desde o 1 de xaneiro de 2008 até o 31 de decembro de 2010). Empresa e representantes dos traballadores acordaron que, unha vez que remate a vixencia do novo convenio, o cadro de persoal de Albada terá garantida a homologación das súas condicións salariais e de xornada co persoal de SOGAMA, o que representa unha demanda histórica dos empregados da planta de Nostián. Actualmente existe unha diferenza de 4.806 euros anuais entre os salarios que perciben os peóns de SOGAMA e os de Albada. Os primeiros cobran 19.667 euros e os segundos, 14.861.
O plus de equiparación salarial será do 27% no primeiro ano, do 55% no segundo e do 100% no terceiro. A xornada anual queda estabelecida en 1.744 horas, o que representa unha media de 7 horas diarias. Nos dous primeiros anos de vixencia, haberá 20 minutos para o bocadillo que serán computados como tempo efectivo de traballo e, no terceiro ano, este período prolongarase até a media hora.
O valor das horas extras será dun 150% con respecto ás ordinarias entre semana, dun 175% domingos e festivos durante o día, e do 200% os domingos e festivos en horario nocturno. A idade de xubilación márcase nos 64 anos.
O acordo atinxido puxo fin a meses de intensas mobilizacións do cadro de persoal de Albada. Os traballadores secundaron numerosas concentracións diante da empresa e do Concello e mesmo protagonizaron unha manifestación que percorreu a cidade o 8 de abril.