Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 1/7/2008
A emenda obtivo 30 votos a favor, 18 en contra e 15 abstencións
O Consello Escolar do Estado aproba a proposta da CIG-Ensino para que relixión non forme parte do currículo escolar
Relixión fóra das aulas

O Pleno do Consello Escolar do Estado, celebrado o pasado 26 de xuño, aprobou o Informe sobre o estado e situación do sistema educativo do curso 2006-2007, no que se tivo en conta, entre as emendas presentadas pola CIG-Ensino, a que insta “ao goberno a que revise o Concordato co Estado Vaticano co obxectivo de que o ensino da Relixión non forme parte do currículo escolar.” Unha emenda que foi aprobada con 30 votos a favor, 18 en contra e 15 abstencións.

A CIG-Ensino fai unha valoración positiva deste resultado porque o máximo organismo de participación educativa do Estado, no cal están representados o propio Ministerio de Educación, os/as presidentes/as dos consellos escolares de toda as comunidades autónomas, os/as representantes das universidades, as organizacións sindicais, as confederacións de ANPAS e organizacións estudantís, vén de apostar polo ensino laico e deixa, tamén, en evidencia, como quedou patente no conflito sobre o Decreto de Bacharelato, o prexuízo que causa esta materia confesional por reducir o horario de materias fundamentais como ocorreu coa Filosofía e Historia no caso galego.

Esta proposta defendida no Consello Escolar do Estado polo Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, é semellante á que o Consello Escolar de Galiza, na reunión do 28 de abril, co motivo do debate do Decreto de Bacharelato, se negou, non só a tela en consideración, senón mesmo a que se puidera votar a emenda transaccionada de CIG que dicía: “O Consello Escolar de Galiza recomenda ás autoridades educativas que no futuro o ensino das confesións relixiosas non teña presenza nas ensinanzas escolares”. A CIG-Ensino non sabe que opinarán todos os que se opuxeron ese día a votala (UGT, representantes de Consellaría, alcaldes do PSOE, CONFAPA, etc. ) ou se abstiveron como CCOO.

O Informe do Consello Escolar do Estado será remitido tanto ao Ministerio de Educación como ás Cortes Xerais do Estado do Estado para que, entre outras, esta consideración sexa tida en conta.