Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 2/7/2008
Os combustíbeis aumentaron un 40% e Correos só subiu nun 4% a aportación pola utilización dos coches dos traballadores
Carteiros rurais gastan até 100 euros do seu salario ao realizaren o reparto cos seus vehículos particulares
Carteiros Rurais protestan na Coruña
Delegados da CIG-Correos de toda Galiza concentraranse en A Coruña o 2 de xullo diante da Delegación do Goberno español para reclamar a actualización dos suplidos por aportación do vehículo para os carteiros das zonas rurais que empregan o seu coche particular no reparto. Estes empregados chegan a pór até 100 euros mensuais do seu peto no desempeño do seu traballo.

O prezo dos combustíbeis aumentou un 40% desde 2006, mentres que Correos só lles incrementou aos carteiros rurais nun 4% os suplidos polo uso dos seus vehículos particulares no reparto da correspondencia. Por tanto, CIG-Correos esixe a actualización deste concepto, así como revisalo trimestralmente para que non se desfase e estea sempre ao día.

Esta situación é resultado dos malos acordos plasmados en Convenio Colectivo por CCOO e CSIF, nos que os suplidos por aportación de vehículo recollían unha suba mísera do 2% nestes últimos anos (igual que o IPC previsto).

Se o custo dos vehículos, a súa amortización, o seu mantemento, os seguros ou os talleres subiron moito por riba do IPC previsto, que dicir do combustíbel!

Ao remate da concentración, Xosé Blanco, secretario nacional da CIG-Correos, rexistrou na Delegación do Goberno español cartas dirixidas á ministra de Fomento e ao presidente de Correos.