Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Opinion 3/7/2008
A liberación de Ingrid Betancourt
Xurxo Martínez Crespo
20080703_Manifestación en Bogotá en apoio ao acordo humanitario entre o Goberno colombiano e as Farc
Manifestación en Bogotá en apoio ao acordo humanitario entre o Goberno colombiano e as Farc. © Xurxo Martínez Crespo

Despois de anos retida polas Fuerzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Ejército del Pueblo (FARC-Ep), Ingrid Betancourt, segundo os medios de comunicación, foi liberada polo Exército colombiano. Eu non o creo. Non creo que o Exército colombiano liberase a Ingrid Betancourt, aos tres estadounidenses e a outros retidos de orixe colombiana.

Coido que agora non se vai saber a verdade, se cadra non se saberá nunca. Vimos na televisión a unha Ingrid Betancourt baixando dun avión cun aspecto totalmente distinto, san, que distaba moito do aspecto presentado no video no que aparecía ao bordo dunha morte segura co ollar perdido cara ao chan de hai uns meses.

Se cadra levaba semanas noutras circunstacias materiais debido á súa pronta liberación. A liberación, ademais, está precedida de feitos importantes dentro das Farc. O asasinato de Raúl Reyes por parte do Goberno e o Exército colombiano. O anuncio da morte de Marulanda e a petición do presidente venezuelano de que foran liberados todos os retidos polas Farc-Ep sen solicitar nada a cambio, pedindo incluso, que abandonasen a loita armada por ser un anacronismo.

Pero sen dúbida o principal punto de interese nesta liberación foron as conversas secretas, autorizadas polo Goberno colombiano, entre delegados de Franza e Suíza co novo responsábel das FARC-Ep, Alfonso Cano.

É lóxico que o presidente colombiano, Uribe, pretenda anotarse un importante punto ante unha opinión pública colombiana que xa o ten catalogado como paramilitar e co engadido da fraudulenta reforma constitucional que permitiu a súa reelección; reforma constitucional que nestes momentos está nas máis altas instancias xurídicas de Colombia, e que todos sabemos que non chegara nunca a ser impugnada.

Ingrid Betancourt, na súa primeira intervención, louvou a Uribe, pouco máis podía facer. A narración da súa liberación non deixa lugar para dúbidas, os retidos foron liberados polas Farc e non polo Exército de Colombia.

 

A Coruña, 3 de xullo de 2008