Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 3/7/2008
Nesta reunión á que asistiron os membros da Sección Sindical da CIG no BBVA, Luciano Luxilde e Teresa Richard, xunto co Secretario da Federación Clodomiro Montero, denunciouse que gran parte da carga de traballo que realizaba o persoal do banco está sendo subcontratada cunha empresa participada ao 100% polo propio Banco chamada OP Plus, que se estableceu no Parque Tecnolóxico de Málaga recibindo subvencións da Junta de Andalucía para a apertura do centro, así como para a formación deste persoal. Segundo o banco, OP Plus Málaga que iniciou a súa marcha con 200 persoas, podería chegar ata as 5.000 persoas de aquí ao 2010, coa conseguinte redución de persoal do banco no resto do Estado, incluída Galiza.
Neste senso a Consellería comprometeuse a entrar en contacto coas autoridades laborais andaluzas, que seguramente son descoñecedoras de que están subvencionando a destrución de emprego fixo en Galiza e no resto do Estado.
Por parte da CIG, é dado que o BBVA alega que este Plan non implica redución dos postos de traballo en Galiza, expúxose que o sindicato estarían disposto a asinar coa empresa un compromiso de mantemento do emprego, solicitando unha mediación por parte da Consellería.
A subdirectora Xeral de Relacións Laborais anunciou que entraría en contacto con outras autoridades laborais a nivel estatal para poñer en coñecemento das mesmas o que está a acontecer no BBVA, e asumiu o compromiso de trasladarlle á Dirección do banco a súa preocupación pola posible destrución dos postos de traballo, así como da conveniencia de celebrar unha reunión a tres bandas co fin de chegar a un compromiso de mantemento do emprego. De darse esta reunión, a CIG insiste na conveniencia de que se teña en conta a todos os sindicatos con representación no BBVA en Galiza.
Tanto a Sección Sindical como o propio sindicato agardan que esta iniciativa vaia collendo corpo nos vindeiros días.