Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 3/7/2008
Este recurso vén motivado porque a Consellaría, mediante esta Orde, suprime no Bacharelato, a materia de Literatura Galega do s. XX e mais as Literaturas Hispánicas, a Literatura Universal Contemporánea e a Xeoloxía sen que fose negociado na Mesa Sectorial Docente, como é preceptivo, segundo a lexislación vixente, a negociación de todos os asuntos que afecten ás condicións laborais do profesorado. Con esta modificación é obvio que vai haber profesorado que se vexa afectado ao diminuír o número de horas asignadas aos departamentos que viñan impartindo estas materias.
CIG-esnon considera que é totalmente inxustificábel que a Consellaría non rectificase esta resolución que supón un desprezo coa nosa cultura, desvalorizando a nosa literatura, percibíndoa sen a suficiente entidade para que o alumnado, que o desexe, poida afondar no seu estudo e coñecemento. Trátase dun feito sen precedentes que se expulse do ensino a materia de Literatura Galega do s.XX, conquista histórica do ensino galego.
Entre outras accións, que ten previstas realizar para que a Consellaría rectifique, a CIG-Ensino vén de solicitar unha entrevista cos presidentes dos grupos parlamentares do BNG e do PSdG e cos departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades resolucións favorábeis para restabelecer a materia de Literatura Galega do s. XX.
Numeroso profesorado xa asinou na páxina web da CIG-Ensino a reclamación para que os centros educativos poidan ofertar como optativas no Bacharelato as materias de Literatura Galega do s. XX, Literaturas Hispánicas, Literatura Universal Contemporánea e Xeoloxía como o viña facendo até agora.
A CIG-Ensino non desbota outras medidas se a Consellaría non se avén a corrixir este feito que amosa un complexo de inferioridade e, mesmamente, de autoodio coa nosa cultura, afondando na desgaleguización do ensino. Non podemos admitir, din, que se expulse do sistema educativo a posibilidade de que o alumnado poida estudar máis demoradamente a súa propia literatura.