Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 3/7/2008
O Sindicato Labrego Galego vén de presentar unha
campaña que, baixo o lema “Por un contrato xusto para o leite. Non asines por
menos de 0,42 euros”, ten como obxectivo garantir un prezo mínimo para o leite,
o que noutros sectores se podería entender coma a consecución dun “soldo base”,
reivindicación que na práctica totalidade das profesións se dá por máis que
asentada.
O SLG, con esta campaña, quere que se abra un proceso de negociación co Goberno galego e estatal para acadar a fixación deste prezo base mínimo: 0, 42 € (o custe de produción actual máis a remuneración do traballo realizado pela gandeira ou gandeiro).
Explican que tras da publicación no DOG do contrato homologado para o leite sen prezo base mínimo, as gandeiras e gandeiros veranse abocados/as a negociar o importe recibido polo seu produto de xeito individual coa empresa encargada da recollida. Este feito supón un perigosísimo retroceso nas conquistas sociais, así coma unha grande irresponsabilidade por parte dos gobernos, xa que están a promover a desaparición da negociación colectiva.
O SLG denuncia que este proceso de negociación individual, supón ademais un incisivo ataque á unidade do sector, abandeirando unha inxusta desigualdade no pago, que se baseará en criterios especulativos das empresas.
Consideran que nunha negociación individual sempre gaña o máis forte e alertan de que na negociación do prezo a pagar polo litro de leite, grazas ao contrato sen prezo mínimo, a empresa tería a primeira e a última palabra.
Desde o Sindicato Labrego Galego pregúntanse "que pasará cando un produtor ou produtora se negue a firmar contratos aos baixos prezos ofertados polas empresas, xa anunciados neste momento en todas as explotacións do País?". Ao que responden que "simplemente procurarán algunha persoa que non se poida permitir rexeitalo, creando unha dinámica de aceptación de pagos ínfimos que garanta á industria a consecución dunha maior marxe de beneficios e a consolidación da práctica ilegal do dumping ( vender un produto por baixo do prezo que custa producilo)" .