Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 4/7/2008
O Xulgado do Social de Ourense considera que se vulnerou o dereito á tutela xudicial efectiva
O concello de Os Brancos ten que readmitir a un traballador despedido, segundo sentenza, por ‘discriminación ideolóxica´

O Xulgado do Social nº 1 de Ourense vén de declarar nulo o despedimento dun traballador “por vulneración dos seus dereitos fundamentais, en concreto a garantía de indemnidade que leva aperllado o dereito á Tutela xudicial efectiva e por ter sido discriminado por razóns ideolóxicas”. Segundo a sentenza o concello debe readmitilo inmediatamente e abonar os salarios que o traballador deixou de percibir.

É a segunda vez que o Xulgado do Social de Ourense condena á institución municipal, dirixida por Terra Galega, a readmitir ao mesmo traballador, por ter vulnerado os seus dereitos fundamentais.

A CIG de Verín manifesta a súa satisfacción polo resultado acadado e anuncia que estudará a formulación de novas sancións contra o concello de Os Brancos, para que os seus responsábeis, ademais de readmitir ao traballador “resarzan o dano causado, para que as malas artes políticas teñan custo para quen as practica”, sinala Anxo García Torres, secretario de Organización da Unión Local de Verín.

García Torres matiza ademais que con esta sentenza, e grazas ao traballo desenvolvido polos servizos xurídicos da central sindical “se consegue impedir que un Alcalde poida burlar os dereitos dos traballadores utilizando o seu poder executivo e utilizando medios discriminatorios”.

A CIG de Verín fai tamén un chamamento á Dirección Nacional de Terra galega para que se pronuncie sobre se vai seguir consentindo este tipo de actuacións ou se vai exixir responsabilidades políticas.