Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 5/7/2008
As persoas integrantes da sección sindical de Povisa deron unha rolda de prensa o venres 4 de xullo no local sindical da CIG de Vigo para amosar a súa preocupación diante das informacións que están a aparecer nos medios sobre o novo hospital, xa que a estabilidade dos seus empregos está en xogo, polo que demandan abrir unha vía de diálogo con Sanidade.
Consuelo Martínez, secretaria nacional de organización da CIG, pertencente á sección sindical da CIG de Povisa, reclamou nesta rolda de prensa á Conselleira de Sanidade, María José Rubio, que aclare a situación laboral que terán os 1.400 traballadores e traballadoras de Povisa, cando estea operativo o novo hospital de Vigo.
O Hospital Povisa de Vigo, que é un centro concertado co Sergas, está diante dunha situación incerta, xa que polas noticias que apareceron nos medios, este centro só pasaría a acoller especialidades e non urxencias, a partir do 2012 co novo hospital. Esa situación podería deixar "a uns 500 ou 700 empregados e empregadas sen carga de traballo", afirma Martínez.
Compromiso de carga de traballo
Desde a sección sindical da CIG de Povisa demandan que "exista un compromiso de carga de traballo para todo o persoal, e polo que non estamos dispostas a pasar e que todo o mundo fala da nova situación pero ninguén fala con nós".
Por esta razón exixen que se abra unha vía de diálogo con Sanidade, "porque non queremos que ninguén negocie por nós as nosas condicións e o noso futuro, e non imos ceder nas nosas posicións".
Defensa da sanidade pública
Consuelo Martínez subliñou que "defendemos a sanidade pública, gratuita, universal e de calidade pero o que a CIG non permitirá é que se poñan en risco os postos de traballo existentes coa entrada do novo hospital, porque ao final os traballadores somos sempre os que saimos perdendo".