Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 15/7/2008
A Unión Local de Verín denuncia que o alcalde de Rairiz de Veiga, Xaquín Rodríguez Ambrosio, contratou hai un ano a unha Axencia de Detectives para “controlar, observar, fotografar, gravar e, en definitiva, perseguir e acosar” a un traballador do concello. A actitude deste alcalde contra o traballador xa ten provocado que o concello fora sentenciado a pagar unha indemnización de máis de 13.000 euros por violación da súa integridade moral.
A Unión Local de Verín asegura que a contratación da Axencia de Detectives D.P.V. para espiar ao traballador supón a vulneración dos seus dereitos fundamentais “á intimidade, a integridade moral e á propia imaxe”. Un comportamento que cualifican como “vil e vergoñento”.
Máis de dez sentenzas
Fronte á resposta do alcalde de “persecución” por parte da CIG, a Unión Local de Verín lembra que xa foron publicadas máis de dez sentenzas xudiciais e que os tres Xulgados do Social de Ourense condenaron reiteradamente ao concello que Rodríguez Ambrosio dirixe.
Ademais insisten en que o alcalde mantén “unha impresentábel dupla moral que o leva a utilizar métodos de control ideolóxico e persoal dos seus traballadores e traballadoras, directamente provenientes doutras latitudes e épocas históricas”.