Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 6/3/2008
A mostra poderá visitarse no Fórum Metropolitano de A Coruña até o 10 de marzo
A CIG inaugura a exposición “Mulleres no sindicalismo nacionalista da Galiza”
Inauguración da exposición “Mulleres no sindicalismo nacionalista da Galiza” 4
Panel da exposición “Mulleres no sindicalismo nacionalista da Galiza”.
A Secretaría Confederal da Muller da CIG organiza a exposición “Mulleres no sindicalismo nacionalista da Galiza”, que se inaugurou o mércores 5 de marzo no Fórum Metropolitano de A Coruña. A mostra poderá visitarse até o día 10 do mesmo mes.

No acto de presentación interviñeron o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, a secretaria confederal da Muller, Mari Carme López Santamariña, e as concelleiras de Cultura e Igualdade, María Xosé Bravo e Margarida Vázquez, respectivamente. A presente mostra conta coa colaboración do Concello de A Coruña.

Con esta exposición, a CIG fai un breve percorrido en imaxes polo traballo desenvolvido polas mulleres nos máis de trinta anos de existencia do sindicalismo nacionalista. As reivindicacións das mulleres organizadas na CIG seguen a ser as mesmas que as das décadas anteriores: garantir o dereito a decidir sobre o seu corpo (o aborto libre e gratuíto na sanidade pública); loitar contra a discriminación salarial, o acoso sexual, a precariedade laboral, a economía somerxida; mudar as condicións sociais, económicas e laborais das traballadoras do fogar; dignificar o papel das mulleres na historia; empregar unha linguaxe non sexista ou garantir o dereito das mulleres a participar na sociedade en condicións de igualdade.

“O modelo sindical da CIG segue a ser hoxe en día a reafirmación da nosa clase, un modelo participativo, de base, combativo, que reivindica a nosa soberanía como mulleres, como traballadoras e como galegas”, indica a Secretaría da Muller da central.