Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Compostela 1/3/2008
8 de marzo, Día da Muller Traballadora
Loitando contra a dobre presenza: dobre loita, dobre resposta
Presentación da Campaño do 8 de marzo #1
A Secretaría da Muller da CIG vén de presentar a súa campaña para este 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, baixo o lema “Loitando contra a dobre presenza: Dobre loita, dobre resposta”. Unha campaña que, alén de denunciar as condicións laborais ás que se enfronta a muller galega, alerta das graves repercusión que, para a súa saúde ten a dificultade de conciliar a vida laboral e familiar. Os datos, que aparecen recollidos no informe “A muller no mecado laboral en Galiza. 2007” avalan esta afirmación.

“A muller destina máis horas que o home por xornada laboral ás tarefas domésticas, de xeito que o fogar segue a ser o segundo centro de traballo para a muller. Un traballo non remunerado que lle impide descansar do traballo realizado fóra da casa”, explica a secretaria confederal de Muller e Servizos Sociais, Mª Carme López Santamariña.

Así o confirman os datos ofrecidos pola Xunta de Galiza e recollidos pola responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, no informe “A muller no mercado laboral en Galiza, 2007”.

Deses datos tírase que os homes destinan, aproximadamente, unha hora e cuarto máis ao traballo remunerado e un cuarto de hora diario máis ao ocio, mentres que as mulleres destinan unha hora e 20 minutos máis ao trballo do fogar, unha hora máis ao coidado de menores e corenta minutos máis ao coidado de maiores dependentes, ou sexa, en total dúas horas máis.

Alén diso, “continúan sendo as mulleres as que collen as excedencias para o coidado de fillos e nin tan sequera podemos dicir que se enxergan cambios, xa que no que vai de século, con certas oscilacións, a porcentaxe mantívose”, afirma López Gromaz.

De feito, o propio Instituto da Muller aporta o dato de que, no ano 2006, o 95,33% das excedencias por coidado de fillas/os colléronas mulleres.

Dobre presenza, o asasino silencioso

A dobre presenza estase a converter, segundo explica López Santamariña, “no asasino silencioso de moitas mulleres. Aínda que non se vexa, a saúde das traballadoras está sendo gravemente afectada. A dobre e mesmo ás veces a tripla xornada de traballo que enfrontan miles de galegas está causando graves problemas de saúde física e psicolóxica que irremediablemente afecta ao desempeño laboral e familiar. Cada vez son máis as traballadoras que sofren estrés, depresión, ansiedade, insomnio, transtornos de alimentación, ataques cardíacos e accidentes relacionados coa carga de traballo”, afirma.

Para a Secretaría da Muller da CIG, a solución está en rachar coa división social e sexual do traballo no interior do fogar familiar, o que require “un gran esforzo colectivo”, pero tamén na aplicación de “políticas sociais que atendan as carencias materiais da conciliación, que ademais sexan capaces de mudar as pautas e os valores que hoxe en día sosteñen ese modelo”.

A falta de políticas sociais

Respecto da falta de políticas sociais, a responsábel do Gabinete Técnico de Economía subliña que mentres na Unión Europea adícase unha media do 2,7% do PIB, o Estado español apenas destina o 0,5%.

Cun tan escaso esforzo económico destinado a esta materia “as mulleres víronse obrigadas a conciliar soas, ben a través da propia familia , recorrendo á avoa, á tía... ben a través da precariedade laboral”, afirma López Gromaz.

Unha precariedade laboral que favoerce o propio sistema para garantir o funcionamento do actual modelo de organización do traballo.

Facendo un pouco de historia, a responsábel do Gabinete de Economía da CIG explica que a finais do século pasado e até a década dos 80 o modelo básico de organización do traballo era o fordista, baseado no máximo de produción nunha unidade de tempo, para favorecer a obtención de beneficios.

A nivel social este modelo permitía garantir a estabilidade laboral –masculina- e uns salarios que os sociólogos chaman “familiares”, ou o que é o mesmo, que permitían ao conxunto da familia vivir cos ingresos dun só membro da unidade familiar.

Durante a década dos 90 introdúcese un novo modelo de organización do traballo, o ‘toyotismo’, baseado na redución de custos a costa de empeorar as condicións laborais da clase traballadora, o que trouxo consigo temporalidade e baixos salarios. “Confírmase pola cada vez maior perda de peso dos asalariados na renda”, afirma Natividade López Gromaz quen conclúe que de aí derívase que “un único salario xa non permita vivir á unidade familiar, co cal a participación da muller no mercado laboral xa non é unha opción, senón unha obriga”.

Tres reformas laborais e ningunha social

Para a responsábel do gabinete de Economía da CIG, se esta situación é, en si mesma, grave, polo empeoramento das condicións laborais, máis grave é que os poderes públicos limitaran a súa función a garantir o funcionamento deste novo modelo de organización de traballo. “No terreo laboral, adaptaron a lexislación a este sistema e, de feito, nos últimos dez anos sufrimos tres reformas laborais que favoreceron a proliferación de modalidades de contratación adaptadas case a cada necesidade”.

Porén, López Gromaz denuncia que parello a isto, non se puxeron en marcha políticas públicas que favoreceran a conciliación laboral e familiar, nin a creación de servizos sociais que facilitaran a de partida xa débil posición da muller.

A consecuencia deste sistema é que se aboca á muller a optar “por traballos a tempo parcial ou de carácter temporal para poder conciliar”.

Na actualidade, para o 100% das mulleres menores de 30 anos é inconcibíbel o seu proxecto de vida sen traballar. Porén, esa masiva inserción da muller no mercado laboral non foi nestes anos, nin tampouco agora, acompañada por cambios estruturais que favorezan cambios na súa situación. De feito, a muller segue sendo, maioritariamente, quen asume o traballo doméstico e de coidado de menores e maiores dependentes, sen contar cunha rede social que mitigue a súa carga.

A primeira en caer: a máis débil

Así as cousas, e malia terse incrementado durante a última década a taxa de actividade feminina, López Gromaz lembra que esta situación coincidiu cun ciclo económico alcista. Porén, e coa precaución de contrastar os datos co que ocorra no primeiro trimestre de 2008, albíscase o inicio dun posíbel cambio de ciclo.

Mentres que durante este período a taxa de ocupación feminina mantivo un incremento constante, superior á masculina, no ano 2007 só medrou nun 2,4% fronte ao 6% de 2006 e ademais, por debaixo da masculina, que aumentou un 2,6%. “Ráchase coa tendencia dos últimos anos e haberá que ver se é conxuntural ou entramos nun proceso de cambio”.

Pero ademais, a evolución trimestral, durante 2007, confirma que até o último trimestre aumentou tanto o emprego masculino como o feminino, pero no último trimestre cae exclusivamente o emprego feminino.

“En casos de recesión, ou en caso de cambio, as máis afectadas son as mulleres e os inmigrantes, porque, no caso das mulleres, son as que teñen máis contratos temporais”, explica Natividade.