Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 6/2/2008
Manuel Currás Meira: Temos que estar preocupados porque aínda que só haxa un aumento do número de parados, aínda que só sexa nunha persoa é xa preocupante. Na CIG levamos dous anos denunciando esta situación, e de feito desde hai dous anos no INEM xa se comeza a recoller os datos da emigración moderna que estamos a vivir. É unha emigración da mocidade que marcha a outras comunidades autónomas, e ese é un dato moi preocupante. Perdemos 12.000 persoas netas, descontando a inmigración, é dicir, a xente que ven traballar de fora. Fixéronse máis de 42.000 contratos de traballo de xente residente en Galiza que se van traballar a outras comunidades.
Levamos quince anos nos que se repite máis ou menos a mesma gráfica, que é unha gráfica interanual que mantivo máis ou menos unha tendencia sobe-baixa, pero con tendencia nos últimos catro anos a baixar, e despois unha anual na que a gráfica é sempre a mesma: descenso do desemprego nas épocas estivais, que é nas épocas nas que o sector servizos tira como o verán e nadal, e volve a subir nos períodos de inverno. Isto é unha constante que se repite.
Colchón de 150.000 desempregados
En quince anos pasamos de 170.000 a 150.000 parados, pero aí estamos e a situación non é boa para a economía do país, porque temos un colchón mínimo de 150.000 parados, nunha poboación de asalariados dun millón de persoas, é unha porcentaxe moi elevada e a situación non é boa.
A cuestión é que nos últimos anos se comezou a dar esta nova emigración, e parece que estamos a repetir a historia: primeiro foi cruzando o Atlántico, logo a Europa nunha época máis moderna, Suíza e Alemaña, e agora o que se dá é a outras comunidades e incluso a Irlanda, Inglaterra e Portugal.
Son emigrantes que marchan en idades mozas, e marchan porque os que estudaron carreira non se senten considerados, xa que hai unha mentalidade empresarial pobre a este respecto e hai falta de recursos para investir en novas tecnoloxías e en investigación, e a xente non se sente considerada e marcha a traballar fóra.
Marcha a potencial riqueza do país
A potencial riqueza deste país cara o futuro é esta xente moza, que é a mellor formada da historia, e é a que tería que dar un tirón para mudar o rumbo da historia, pero iso o perdemos cando marchan ademais co agravante que marchan na idade de buscar parella, formar familia, e de feito, hai unha porcentaxe alta que xa non volve por moito que lle tire a morriña. Este é o drama que temos na actualidade.
O INEM comeza xa a contemplalo, desde 2005, e por outro lado temos a contradición desde o Ministerio de Traballo e desde a defensa da política de continxentes piden xente de fóra, e a Xunta mete cartos de fóra para formar xente doutros países para que veñan a traballar a Galiza. Se falamos do agro ou do mar, que son sectores que precisan de reforzos humanos, ou antes o tema da Construción, pero o que fan é coller o resto de sectores todos, mesmo algúns onde hai xa moitos parados, o que me parece é unha política errónea e chegamos á conclusión de que aquí hai algo que falla.
Utilízase este colchón de parados para que o traballador non poida mellorar as súas condicións laborais, porque se reclama, se protesta, é ameazado de que vai pasar a esta bolsa de desemprego.
As estatísticas no caso de Galiza son algo enganosas, xa que non falamos só de 150.000, porque temos que sumar as persoas que teñen que marchar porque non encontran ocupación e os que buscan mellores remuneracións económicas e a garantía de traballo.
Políticas continuístas
Con esta realidade que é altamente preocupante, e o que se ve é que as políticas da Xunta e as do goberno están sendo moi continuístas neste aspecto, por moita propaganda que se faga, non se está atendendo á necesidade de mudar esta situación.
Hai 6.000 parados máis, e isto é preocupante, porque revela que a situación esta de crecemento leva un freo, non tanto por este aumento de desempregados senón polo descenso de número de contratos, e isto é o máis indicativo.
Na Galiza estes datos son contraditorios porque, por exemplo, afectou máis ao sector servizos que ao da Construción, pero está claro que o tema da crise na Construción vai en serio porque ademais coinciden varios temas como é a cuestión da paralización dos PXOM's, todo que foi un crecemento desmesurado e esta claro que isto tiña que parar, polo crecemento do prezo da vivenda e porque todo o capital estaba a derivar no ladrillo.
Ao baixar o número de contratos está claro que o ritmo de crecemento se ralentiza, e isto é para preocuparse e para agardar que os gobernos tomen medidas inmediatas para tentar paliar esta crise.
Zélia García: Que medidas considerades de maior importancia e que se deberían tomar desde as Administracións para mudar esta situación?
Manuel Currás Meira: A nosa economía ten moitos déficits xa que continuamos sen apostar pola tecnoloxía e os temas punteiros, agás no sector téxtil e no naval.
Toda inversión de políticas activas habería que eliminalas, agás para colectivos con risco serio de exclusión social, pero as demais tiñan que ir a inversións produtivas e non utilizalas agora en dar subvencións encubertas aos empresarios. Esa sería a primeira medida dun modelo exemplarizante cunha nova política. E hai que facer un esforzo, que aínda que non fora unha medida a curto prazo si que sentaría unha bases importantes, para resolver certos problemas de infraestrutura que seguen mantendo a unha parte de Galiza marxinada da modernidade e do crecemento, e apostar polas novas tecnoloxías, pero con forza.
Incorporación das mulleres
Temos que preparar o país para a realidade da incorporación da muller ao traballo, que é xa unha realidade, porque a economía xa está montada para que traballe a parella, e a sociedade ten que adaptarse a esa nova situación. Ten que haber un sistema de garderías, unha auténtica conciliación da vida laboral e familiar, e políticas activas desde as empresas e institucións neste campo.