Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 28/12/2007
O secretario nacional da Banca e delegadas do sector presentaron ao deputado Fernando Blanco un paquete de medidas urxentes
A CIG solicita do BNG apoio a súa proposta contra a deslocalización do Telemárketing
CIG-Telemárketing reunión co grupo parlamentar do BNG
Unha representación da CIG-Telemárketing reuniuse co Grupo Parlamentar do BNG, na primeira das reunións previstas con responsables políticos e da Administración, co fin de recadar apoios ás propostas presentadas pola Central Sindical para garantir o emprego neste sector ameazado pola deslocalización.

Unha representación integrada por delegadas da CIG nas maiores empresas de Telemárketing no país e polo secretario nacional da Federación de Banca, Clodomiro Montero, foi recibida polo deputado Fernando Blanco en representación do Grupo Parlamentar do BNG, deputado que en diversas ocasións tense destacado por presentar iniciativas parlamentarias contra a precariedade e a deslocalización no sector do Telemárketing.

No último ano e medio, 900 persoas perderon os seus postos de traballo en Galiza debido aos procesos de deslocalización a América Latina e Marrocos. Procesos que a medio prazo ameazan directamente a 3.700 postos de traballo nas maiores empresas ubicadas na Galiza. Ante esta grave ameaza, dende a CIG elaborouse un paquete de medidas fronte a deslocalización e reclaman a súa posta en marcha de xeito urxente:

Creación dunha Mesa sectorial a tres bandas coa presenza da Xunta de Galicia, os sindicatos máis representativos e as empresas de Telemárketing con centros de traballo en Galiza. Negociación dun Plan de apoio ao sector que permita garantir os postos de traballo.

Creación dunha Axencia Galega de Protección de Datos. Outras comunidades autónomas teñen creado as súas propias Axencias de Protección de Datos, o que a súa vez lles dá participación nos órganos da Axencia Estatal de Protección de Datos.

Regular por Lei a obriga de facilitar a opción do galego nos servizos de atención ao cliente. O idioma galego ten un valor engadido na defensa dos postos de traballo no sector. Se os clientes e clientas teñen o dereito a ser atendidos en galego e exercen o dereito, non poden ser atendidos dende fóra do país. Esta medida garantiría nova carga de traballo para as empresas de Telemárketing situadas en Galiza.

Solicitar o traspaso de competencias en materia de telecomunicacións. Actualmente está é unha competencia do Goberno Central, sen que interviñera para regular esta situación. Para a CIG quen opera no país debe ser obrigado por Lei a manter aquí os servizos.

Por parte do Grupo Parlamentar do BNG amosouse a súa preocupación pola situación do sector, ao tempo que anunciaron o seu apoio a aquelas iniciativas que contribúan a evitar a deslocalización e a precariedade laboral.

Ao longo dos vindeiros días, a CIG agarda novas reunións con responsables políticos e da Administración pública, co fin de procurar apoios a este paquete de medidas coas que a Central nacionalista pretende garantir os 8.000 postos de traballo do sector en Galiza.