Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 22/12/2007
A folga comezaba ben, o persoal das quendas de noite do día 20 parou masivamente no que sería un anticipo do que estaba por vir. Esta xornada de folga foi a que tivo un maior seguimento na historia do sector.
Dende primeira hora da mañá estaba claro que a folga sería un éxito, xa que ás 8 da mañá, na primeira quenda da xornada, o seguimento situouse nun 90%, unha tónica que continuaría no resto das quendas.
As noticias que chegaban de todo o país eran practicamente as mesmas: a folga estaba sendo seguida masivamente polo persoal e transcorría sen incidentes.
Cara as 11 da mañá o nerviosismo comezou a manifestarse nalgunhas empresas, que comezaron a presionar ao persoal de Empresas de Traballo Temporal para que cesasen no apoio á folga, con ameazas de despedimento inmediato, pero estas ameazas non fixeron máis que fortalecer a posición dos e das folguistas.
As persoas que integraban os comités de folga tamén fixeron un bo traballo, conseguindo que aqueles traballadores e traballadoras que se tiñan incorporado aos seus postos de traballo, remataran por sumarse á Folga. Lamentablemente algunha empresa ameazou con considerar estes casos como faltas inxustificadas en contra do establecido na lexislación.
Pero se a folga tivo un seguimento total no sector, hai que destacar que foi na empresa Bosch onde a presenza de traballadores e traballadoras concentrados foi maior dende primeira hora da mañá. Nesta empresa, na que a CIG viña de gañar as eleccións o día anterior, o persoal das distintas quendas achegábase á empresa para unirse ao piquete, polo que a concentración que estaba prevista ás 12:00 en todas as empresas do país adiantouse ás 11:00.
Ás 11:30 horas o xefe de RRHH e o director da empresa principal, Tele-2, solicitaban unha negociación coa CIG (o paro na empresa a estas alturas xa era total). O persoal, reunido en asemblea, aceptou que unha representación da CIG se reunira coa empresa. Nesta xuntanza acadouse o compromiso de abrir un proceso de negociación para superar o convenio do sector, mellorando as condicións laborais, compromiso que foi recibido con aplausos pola Asemblea de traballadores e traballadoras.