Logotipo CIG Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 24/4/2008
A MANIFESTACIÓN CELEBRARASE ÁS 12:30 EN BURELA
Delegados de A Mariña preparan o 1º de Maio
Xornada prevención Ribadeo 2
A CIG de A Mariña realizou o 23 de abril en Ribadeo unha asemblea preparatoria do 1º de Maio, á que asistiron 50 delegados. A manifestación partirá ás 12:30 horas desde a Avenida Arcadio Pardiñas en Burela, fronte ao local da CIG.

Na asemblea analizáronse os resultados electorais por federacións, repartiuse o material para o 1º de Maio, falouse da crise económica e da situación da negociación colectiva nas empresas. Xorxe Caldeiro, secretario comarcal, indica que a CIG de A Mariña fará un esforzo para incrementar a afiliación na bisbarra. Actualmente a central nacionalista é o sindicato máis representativo desta comarca.

Os delegados da construción destacaron a necesidade de reducir a idade de xubilación neste sector, así como esixirlle á administración un aumento nos prazos de execución das obras públicas co fin de reducir os riscos de accidente motivados pola "urxencia electoralista" no remate das obras. Representantes do Gabinete de Saúde Laboral da CIG presentaron na comarca a última edición da guía que editou este departamento do sindicato.