Confederación Intersindical Galega - Avantar - A Coruña 25/4/2008
As negociacións estiveron paralizadas durante grande parte do ano pasado, pese a mediación da directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, que intercedeu no conflito entre os meses de decembro de 2007 e febreiro do presente ano. O bloqueo da negociación provoca que os traballadores aínda se teñan que rexer polo convenio de 2006, o que os obriga a padecer durante máis tempo unha perda constante do seu poder adquisitivo.
Os traballadores e os sindicatos presentes na mesa de negociación (CIG, UGT e CCOO) consideran unha provocación as últimas propostas da patronal, que pasan por incorporar ao novo convenio un código disciplinario, ademais de impor unha modificación substancial da xornada, que obrigaría a realizar até 48 horas á semana.
No apartado salarial, un empregado/a da limpeza percibe actualmente uns 580 euros ao mes, un auxiliar 737 e un enfermeiro/a, 879. Estes salarios contrastan cos dos médicos que exercen a súa profesión nestes centros privados, cuxas nóminas poden chegar aos 6.000 euros mensuais nalgúns casos. “Ademais, a maioría destes médicos tamén traballa no SERGAS”, explica Milton Pérez, un dos representantes da CIG no sector.
As concentracións e demais actos de protesta repetiranse durante todo o mes de maio nos principais hospitais e sanatorios privados da provincia. Os sindicatos non descartan convocar xornadas de folga para os días 4 e 11 de xuño.