Confederación Intersindical Galega - Avantar - Vigo 25/4/2008
Unha vez máis represión sindical, e desta volta na empresa Valoriza, adxudicataria que realizan o servizo de mantemento e conservación das infraestruturas da autoestrada. Esta empresa conta con 64 traballadores en tres centros de traballo: un en Vilaboa, outro na Via Rápida do Salnés e outro en Nigrán.
Durante o proceso previo ás eleccións sindicais de configuración de listas, asembleas e demandas dos traballadores, a empresa realizou tres despedimentos.
Oposición frontal e unitaria
Os traballadores reaxiron dunha maneira unitaria e opóñense frontalmente a estes despedimentos. En dúas asembleas realizadas despois destes despidos votouse por unanimidade convocar folga, se a empresa non reconsidera esta decisión. Acordouse tamén enviar un escrito á empresa asinado polo totalidade dos traballadores explicándolle á dirección de Valoriza a súa postura a este respecto.
Neste sentido, os traballadores están na fase de recollida de sinaturas polos distintos centros de traballo, para o luns 28 de abril entregar estas sinaturas, e dar un prazo de quince días para ter unha resposta da empresa, e no caso negativo de non ter resposta, convocar a folga.
Demandas laborais e salariais
Este colectivo tamén demanda unha serie de melloras laborais e salariais, sobre todo, para as quendas nas que teñen que realizar un traballo de reténs telefónicos, por se se producen accidentes na autoestrada. Por iso, lembran a loita contra a anterior empresa adxudicataria, Extraco, na que se melloraron as súas condicións laborais e económicas, e agardan poder continuar nesa liña de reivindicación e melloras.