27/11/2008
As asembleas decidiron nunha maioría axustada aceitar o pre-acordo
Logo de 12 días de paro indefinido, a folga do convenio provincial de limpeza de edificios e locais de Pontevedra quedou desconvocada. Centrais sindicais e patronal chegaron a un pre-acordo que foi ratificado polas asembleas de traballadores. A proposta aceptada contempla a sinatura dun convenio colectivo para os vindeiros tres anos e inclúe un incremento salarial de 30 euros o primeiro ano e 40 euros para cada un dos outros dous. Ademais, estabelécese unha cuarta paga de 60 euros. A antigüidade pasa a computarse por cuadrienios, no canto de trienios.
25/11/2008
Continúan as mobilizacións no noveno día de folga
As tres centrais sindicais convocantes da folga indefinida na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra extenderon o 24 de novembro o conflito a todas aquelas persoas que traballen no sector da limpeza, xa que entregaron no rexistro unha nova convocatoria de folga, desta volta para todo o sector da limpeza o vindeiro 3 de decembro, mesmo para aquelas que teñen convenio propio, polo que o paro afectaría aos catro hospitais da provincia e tamén aos centros educativos públicos de toda Pontevedra, asi como todos os edificios das distintas administracións.
20/11/2008
A patronal non comparece nunha reunión convocada pola Xunta
Cuarta xornada de folga indefinida no sector da limpeza, que levou ás piquetes a realizar novas accións como a ocupación da sede da Cámara de Comercio en Pontevedra, ou a unha manifestación ao longo de toda a mañá en Vigo de perto de 400 traballadoras/es do sector polo centro da cidade. Na tarde do 20 de novembro había convocada unha reunión con Pilar Cancela, directora xeral de Relacións Laborais, mais a patronal non compareceu ao asegurar que non negocia con "vándalos".
18/11/2008
As folguistas pecháronse na Confederación de Empresarios de Pontevedra
Nova xornada de folga no sector da limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra, que tivo novas accións e obxectivos, neste segundo día de conflito pola negociación do convenio provincial, que continúa paralizado. A folga extendeuse a novas zonas da provincia de Pontevedra como Sanxenxo ou Marín, e afondou nos seus efectos nas áreas comerciais, como El Corte Inglés na cidade de Vigo, que pechou unha parte da tarde. Pola mañá, as traballadoras e traballadores en folga pecháronse na sede viguesa da Confederación de Empresarios de Pontevedra durante case tres horas para demandar solucións a este conflito laboral.
17/11/2008
Seguimento maioritario das traballadoras/es do sector
O 17 de novembro comezaba ás doce da noite a folga na limpeza de locais e edificios pola negociación do convenio provincial de Pontevedra deste sector. Esta folga ten carácter indefinido e está a ter unha importante repercusión nas áreas comerciais, aeroporto, na Universidade de Vigo, ambulatorios, xa que se está a visibilizar o conflito destas traballadoras e traballadores, e a súa loita por un convenio xusto e polas melloras laborais e sociais que tan necesarias son neste sector tan precarizado, que ten un salario medio de 753 euros.
6/11/2008
Apoio masivo e solidario do sector
Foron máis de 7.000 os traballadores do sector do Metal que o 6 de novembro percorreron as rúas de Vigo para amosar a súa solidariedade cos catro traballadores do Naval, para os que a Fiscalía solicitaba catro anos de cadea pola folga do 2007 polo cumprimento do Convenio. Paro xeralizado e marchas moi numerosas visibilizaron o apoio do sector a estes catro compañeiros, e a loita que están dispostos a dar contra a represión sindical. Unha xornada de desafío a do 6 de novembro que demostra que o Metal non vai permitir ningún tipo de recorte de dereitos.