Catro anos de pacto social, catro anos de consolidación da precariedade

Despois de máis de tres anos de asinados os acordos “pola estabilidade no emprego” entre os sindicatos de ámbito estatal (CCOO e UGT) e a patronal (CEOE) o tempo veu a confirmar o que daquela dixemos: que eran negativos para a clase obreira. Documento aprobado no Secretariado Confederal da CIG do 16 de xaneiro de 2001.
Agora, perante a realidade de todos os dias, dende un sindicalismo trabado na mesa de negociacións en Madrid coa patronal nun novo pacto, realizan-se mobilizacións que seica pretenden (unha vez máis) “rematar coa precariedade laboral e aumentar a criación de emprego, especialmente para mocidade”. Por suposto que non é máis que fume, lavado de cara, para vender mellor un novo recuar nos direitos laborais a cámbio de promesas sempre incertas e divulgadas abondosamente polo Governo Central e a Xunta de Galiza. Moito tememos que, entre outras decisións negativas, estas negociacións rematen por rebaixar de novo pensións, como xa ocorreu en 1996, para todas aquelas persoas que teñan cotizados menos de 25 anos.

 

O pacto de abril do 97 xerou un novo tipo de contrato con indemnizacións máis baixas por despedimento improcedente, facilitou o despedimento por causas obxectivas, e mantivo as formas máis usadas de contratos eventuais, e apresentou-se perante a opinión pública como o remédio aos contratos temporais que se ian reducir durante a sua vixéncia (catro anos) á média da Unión Europea, ou sexa ao 13%. Na prática: fixo importantes achegas económicas aos empresários que converteran en fixos contratos eventuais, en moitos casos dun xeito fraudulento xa que se trataba de contratos que non cumprian os requisitos legais e portanto eran indefinidos; fixo máis doados os despedimento para a patronal e sentou un precedente para unha rebaixa xeneralizada das contias por despedimento en vindeiros acordos, tal como propón agora a patronal (co apoio do governo central do PP) nas mesas de negociación dun novo pacto social.

Vexamos en cifras (oficiais e contratabeis) a evolución dos principais dados do emprego e económicos durante este período.

Máis traballadores/as eventuais

No 2º trimestre de 1997 181.900 33,94%
No 2º trimestre de 2000 236.400 35,20%

Hai portanto 54.500 traballadores eventuais máis que cando se asinou o pacto, e porcentualmente estamos 1,26 pontos por riba das taxas que, daquela, se entendian por parte de todos como inaceitábeis.

Das consecuéncias negativas dos contratos eventuais, ademais da temporalidade do emprego, temos que engadir unha maoir acidentabilidade laboral; concretamente en 1999, para unha taxa de eventualidade do 34,36% corresponderon-lle o 57,45% dos acidentes moi graves. Tampouco debemos esquecer que existen un número importante de traballadores por conta allea en negro (sen contrato de traballo e cotizacións sociais), e que os traballadores eventuais atinxen un 60% do salários hora/mes dos que teñen contrato fixo (fonte: Fundación Argentaria).

Os contratos duran menos tempo

Rotación dos contratos en 1997 2,42
Rotación dos contratos en 1999 2,78

No ano 1999 realizaron-se 2,8 contratos temporais por cada eventual fronte a 2,4 en 1997, e 1,76 en 1994. Ou sexa que cada vez os contratos son máis curtos; a isto contribuen en gran medida as Empresas de Traballo Temporal. Trata-se dun novo xeito de escravitude que amarra as persoas de xeito constante para realizar traballos de dias ou de horas (o que chaman de "libre disposición").

Temporalidade na mocidade, unha situación que dá arrepio

De 16-19 anos 83,82%
De 20-24 anos 73,45%
De 25-29 anos 52,86%
De 30-34 anos 32,47%

O 63% dos menores de 30 anos teñen un contrato eventual. Esta situación da falta de seguridade persoal e adia calquer plano de futuro, asi como acadar independéncia económica, mercar un piso ou ter fillos. Aqui está unha das razóns da baixa taxa de natalidade que é a metade de hai 20 anos cando a eventualidade era tres veces máis baixa (12,23% en 1981). En todo caso é inconcibíbel socialmente que as novas xeracións que se incorporan ao traballo o fagan en piores condicións que as anteriores, presionados por unha precariedade laboral xeneralizada.

Baixan os custos salariais

Segundo o Banco de España os gastos de persoal sobre o valor engadido bruto ao custo dos factores baixou nos últimos anos, e foi o seguinte:

1994 57,57%
1995 55,40%
1996 56,00%
1997 53,80%
1998 51,30%

Aumentan os benefícios empresariais

Mentres neste mesmo período o resultado neto total das empresas, sobre o valor engadido, aumentaba un 270% dende 1994 ate 1998, que é o último ano no que temos dados do Banco de España (Central de Balances, informe anual das empresas non financeiras 1990-1997, 1998 provisional).

1994 05,99%
1995 08,19%
1996 11,04%
1997 14,37%
1998 16,27%

En 1998 CCOO e UGT de Galiza e máis a CEG asinaron un pacto "Polo crecimento económico e o emprego en Galiza" que, seguindo as directrices do asinado o ano anterior en Madrid, pretendia diminuir o diferencial negativo que existe en matéria de renda, ocupación e desemprego coa média do Estado e a Unión Europea. No pacto seica se queria especialmente, segundo os seus promotores, rebaixar a taxa de parados de longa duración, desemprego feminino, e incentivar a redución da xornada laboral (nengunha empresa optou a esta ultima iniciativa). Os resultados en todos os casos foron negativos. Vexamos.

Menor xeración de emprego

Povoación ocupada

Galiza

Estado

3º trimestre 1997

919.370

12.860.820

3º trimestre 2000

1.000.590

14.621.570

Medre porcentaxe

8,83%

13,68%

Mentres en Galiza nos últimos tres anos a ocupación medrou en 81.220, no Estado creceu en 1.760.750 persoas.

Taxa máis alta de desemprego que a média

Taxa de desemprego por ano

Galiza

Estado

3º trimestre 1997

17,57%

20,55%

3º trimestre 2000

14,43%

13,72%

Mentres antes do asinamento dos acordos a taxa de desemprego galega era máis baixa que a media do Estado (3 pontos menos), hoxe é máis alta.

Medrou o diferencial de desemprego entre mulleres e homes

2º trim. ano

1997

2000

Diferenza

Mulleres

24,7%

22,8%

1,9

Homes

14,9%

11,1%

3,8

Mália uns maiores incentivos aos empresários pola contratación de mulleres medrou negativamente a diferenza entre o desemprego de homes e mulleres.

De novo a lacra da emigración

1997 11.656
1998 14.173

Son cifras que reflecten as persoas que mudaron o lugar de residéncia, aos que teríamos que engadir moitos miles máis que traballan temporalmente en Canárias, Baleares... na construción, hostalaria...

Medra a diverxéncia co Estado español en renda per cápita

1997 86,03%
1998 86,02%
1999 85,63%

Mália ser a nosa nación obxectivo 1 da Unión Europea, contar cun importante potencial en matérias primas, menor dependéncia en matéria enerxética e man de obra cualificada, durante os últimos anos continuou afondando a diferenza de nível de vida co resto do Estado español. Se consideramos outros parámetros que son, dende o ponto de vista social máis importantes, como a taxa de actividade e ocupación, investimento publico e gasto social, prestacións sociais, podemos concluir tamén que as diferenzas medran substancialmente.

As nosas propostas a curto prazo:

Dende a nosa central sindical propuxo-se unha via distinta que, buscando a potenciación dos sectores produtivos e dunha distribución máis xusta da riqueza, permitirá unha maior xeración de emprego, rebaixar a precariedade e evitar a lacra da emigración. Trata-se, en definitiva, de que todos os sectores sociais aproveiten as potencialidades da nosa nación e os avanzos técnicos das últimas décadas.

Con estes obxectivos, coidamos que as solucións a curto e médio prazo deben ser as seguintes:

  • Potenciar os sectores produtivos; eliminar todas as limitacións á produción impostas pola UE. Rematar coas privatizacións de empresas do sector público. Consideramos fundamental para o conxunto da sociedade consolidar os servizos públicos básicos (ensino, saúde, etc.), hoxe sometidos a un proceso de privatización e a políticas de deterioración.
  • É necesário que o orzamento da Xunta de Galiza contemple un investimento público que como mínimo atinxa o 5% do PIB.
  • Un programa específico de formación e inserción para os parados sen prestacións económicas, que leva parello un salário social.
  • Redefinición das actuais políticas activas de emprego criando novos programas que realmente sexan unha aposta decidida contra a precariedade e favorábel á redución da xornada laboral a 35 horas sen perda de salário, no camiño de afianzar postos de traballo dignos.
  • Aumentar a cobertura das prestacións económicas por desemprego, máxime tendo en conta o actual superávit do sistema.
  • Eliminar as horas extras e mais as ETTs. Regulación restritiva das subcontratas e empresas de servizos, a fin de evitar a cesión ilegal de traballadores.
  • Garantir que os postos de traballo estábel sexan cobertos con contratos indefinidos, para reducir os contratos temporais a causas estruturais e cun maior custo nas cotización empresarial da Seguridade Social.
  • Programar os investimentos necesários para potenciar os servizos sócio-sanitários: residéncias asistidas, hospitais de dia...
  • Criación dunha rede pública de gardarias e escolas infantis con horários amplos e comedores, fórmula necesária para compatibilizar família e traballo.

Con estes obxectivos concretos dende a CIG levamos vários anos realizando diversas campañas informativas e mobilizacións, a última o pasado dia 16 de novembro fronte ao Parlamento Galego exixindo várias medidas económicas e laborais dentro do Orzamento do ano 2001, que deran un xiro social á política do governo do PP. Ainda que as propostas contaron co apoio da oposición política progresista unha vez máis a maioria conservadora impediu a sua aprobación.

Dende a CIG somos conscientes de que cumpre teimar nestas campañas informativas e nas mobilizacións dos traballadores. Sabemos que estamos atinados nas nosas propostas. Que son lexítimas e hai meios económicos suficientes para poñé-las en prática. Entendemos que a loita contra a precarización e por unhas condicións dignas de traballo debe estar presente tanto na mobilización social, como na acción institucional ou na negociación colectiva. Asi como que, para ser efectiva, debe contar co apoio de todos e cada un dos delegados e delegadas da central, os afiliados e afiliadas, e fundamentalmente coa aceitación da maioria dos traballadores e traballadoras de Galiza. Esa é a nosa forza! Esa é a garantia de éxito!

*[Os dados que se oferecen son tirados do INE e mais do IGE]

Galiza, 16 de xaneiro do 2001

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS