Sr. Secretario Xeral de Emprego. Ministerio de Traballo e Asuntos sociais. Madrid. Despois de ler o "Plan de Acción para el empleo 2000" debemos dicer que seguimos vendo nel as mesmas feblezas e fallas que ollamos no de 1999.
Sobre todo non se teñen en conta as diferencias de desenvolvemento económico e de xeración de emprego que existen entre as distintas comunidades autónomas e nacionalidades que integran o Estado español, pra todas (polo que aparece neste borrador) danse as mesmas receitas, algo que non ten a máis mínima lóxica. Nomeadamente:
¿Cales son as receitas que se nos ofrecen en situacións coma esta? ¿Teremos que seguir pensando que o crecemento económico debe servir, sobre todo, pra a xeración de emprego?…
Por outra parte, fíxose en 1999 unha modificación nos criterios estatísticos, teríamos que preguntarnos ¿cómo modificaron os dados de ocupación e paro?. Tampouco hai dúbida de que unha parte do emprego creado é producto do traballo irregular reflotado, razón pola que medra a taxa de ocupación por enriba do PIB. ¿Esto é produto de que mellorou a productividade?, ¿das campañas contra o fraude fiscal?, ¿das subvencións ós contratos fixos?…
Un dos obxetivos que se marcou o goberno e os axentes sociais e económicos coa "Reforma Laboral" foi a rebaixa axiña da temporalidade. A media de 1999 era, no noso caso, do 33,90%. Pero a sua evolución non puido ser máis negativa, así pasou do 32.78% ó 34,36% se tomamos o 4º trimestre de 1998 e 1999, respectivamente. E esto, a malia cas subvención ós empresarios pra que convertiran en fixos os contratos eventuais, e a picaresca daqueles que teñen feito contratos por obra e que estaban en fraude de Lei (e por tanto eran fixos) "convenceron" á plantilla pra que asinara un novo contrato (con menor indemnización por despido).
No caso concreto de Galiza, mentres a media de 1996 era de 178.000 contratos eventuais, no 1999 acadou 215.000. Non se pode falar de éxito. Algo falla ¿non lle parece?…
Non se trata só de que hai un número maior de empregos eventuais e que diminuiu a taxa de emprego fixo, senón que, ademais, os contratos son cada vez máis curtos. Ou, se se quere, hai unha maior rotación. Así, mentres antes da "Reforma Laboral de 1997" a media dun contrato era de 5,21 meses, en 1999 xa baixara a 4,1 meses. Como media ¡cada traballador fai 3 contratos por ano!
En sectores coma construcción, hostelería e agricultura a eventualidade supera o 50% das plantillas.
Con estas cifras non é de estrañar que aumenten as desigualdades sociais, que se manifestan despois en dados tan alarmantes coma os da "Enquisa de condicións de vida das familias" que remata de facer a Xunta de Galiza. No apartado sobre dificultades das familias pra chegar a final de mes, un 16% di que ten moita dificultade e un 43,7% dificultade, contra un 1,8% que afirma que ten moita facilidade.
Desde o Governo (e a Unión Europea) séguese co criterio de convertir a formación na palanca fundamental para mellorar o nivel de emprego. Coidamos desde a CIG que esta é unha ferramenta importante, pero non a única e, en certas condicións, nen sequera a máis necesaria. Estanse formando miles e miles de traballadores desocupados (varias veces) pra despois facer tarefas de peón, mentres fallan meios para a investigación e o desenvolvemento de novos productos. Ou de técnicos con maior grao de especialización e formación. Cumpre un equilibrio entre a formación superior e a laboral que permita aproveitar ó máximo os recursos destinados a este fin.
Resulta pouco doado de comprender que se desexe alongar a idade laboral, tendo en conta as altas taxas de paro, e menos cando se fai unha proposta de "falar" sobre a redución de xornada e incentívanse as prexubilacións.
As veces un pensa (por desconfianza natural ¿de clase?) que esto vai dirixido ós miles e miles de traballadores, que con contratos eventuais, non teran ó final da súa vida laboral os 15 anos mínimos e vense obrigados a continuar empregados. Ou quizá a aqueles con traballos cómodos e ben pagos, que rematen ós 65 anos como frores. Non parece, neste marco, una proposta sensata.
Non queremos alongarnos demasiado nas nosas observacións, e moito menos facelas sobre cada apartado, porque non ven ó caso neste escrito. Pensamos que a falla de emprego é un problema grave, pero tamén a precariedade laboral que se ceba nas mulleres e nos mozos (con efectos negativos sobre a natalidade), e que a súa solución pasa por:
Desde a Confederación Intersindical Galega o emprego e as condicións laborais son a preocupación máis importante. Pero estamos convencidos que cando a ocupación se consegue rebaixando salarios, aumentado a xornada e perdendo dereitos sociais, non se mantén por moito tempo, porque sempre hai outro país ou rexión que o pode facer por menos. Introducir novos productos, millorar a calidade e a productividade, a comercialización e os servizos post-venta, é a única alternativa real a medio e longo prazo. ¿Estase apostando por esta alternativa? Non o cremos.
Esperando que estas observacións sexan tidas en conta, así como amplialas nunha reunión ó efecto. Un atento saúdo.
Galicia, a 21 de Marzo de 2000.
Manuel Mera, presidente da CIG.