Principios e obxectivos

Princípios

Sindicalismo de clase. A CIG é unha organización sindical que afirma, dia a dia, o seu carácter de clase, adoptando as decisións que en cada momento considera, para mellor defender os intereses imediatos e xerais das traballadoras e dos traballadores galegos na perspectiva da transformación social.

Nacionalismo. A CIG define-se como unha organización nacionalista porque Galiza é unha nación sen soberania política, ao servizo de intereses alleos, submetida e dependente económica, política e culturalmente. A procura da nosa soberania e o exercício do direito de Autodeterminación son para nós irrenunciábeis. Desde a nosa independéncia e autonomia sindicais, reclamamo-nos parte do movimento nacionalista galego.

Autoorganización. Entendendo que nengun dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorabelmente aos intereses do noso povo se este non toma consciéncia da sua própria identidade e traduce esa consciéncia en organizacións próprias e soberanas, a CIG é expresión da autoorganización das traballadoras e dos traballadores galegos.

Solidariedade e internacionalismo. A CIG garante a unión e solidariedade de todos os traballadores e traballadoras con independéncia do sector no que ocupen as suas actividades, do território onde vivan ou das diferenzas e obstáculos que poidan existir. Asi mesmo, estamos vencellados á loita comun dos traballadores e das traballadoras do mundo pola sua completa emancipación e á dos povos que loitan pola sua liberación nacional.

Democrácia e participación. A CIG entende a democrácia como valor universal, garante a igualdade de direitos da súa afiliación, asegura o funcionamento democrático de todos os seus órgaos de dirección e elexe todos os seus cargos democraticamente. Fomenta a participación sindical e as asembleas de afiliados e afiliadas, asi como as dos traballadores e traballadoras, como método para evitar o individualismo, o corporativismo e a burocrácia, e como unha maneira de facilitar a corresponsabilidade nos debates e na toma de decisións.

Independéncia. A CIG é independente e soberana na toma de decisións. Autogoverrn-ase e non está suxeita a control de nengun partido político, grupo de poder económico, ideolóxico ou relixioso.

Pluralismo. A CIG é unha organización plural. Nela conviven distintas sensibilidades e xeitos de entender a nosa sociedade, todas elas lexítimas e enriquecedoras. Respeita e fai respeitar a liberdade interna e a diversidade de opinións políticas e ideolóxicas, tanto individuais como colectivas. Garante a libertade de expresión e pensamento sen restricións de nengunha caste, cumpre e fai cumprir os Estatutos dos que libre e voluntariamente se dota.

Transformación. A CIG é unha organización sindical transformadora. Para mellor defender e facer realidade os seus obxectivos, participa na vida sócio-política e fomenta, asi mesmo, a participación máis activa da sua afiliación.

Unidade. A CIG persegue a máis completa unidade dos traballadores e das traballadoras de Galiza nunha Central Sindical Única Galega. Asi mesmo, propiciará a máis ampla e posíbel unidade de acción sindical para acadar os obxectivos fixados.

Normalización. A CIG expresa-se en galego, o cal defende como único idioma oficial de Galiza e promove a sua completa normalización. Respeita o uso das distintas formas de escrita entre a sua afiliación.

Obxectivos

Recollendo do património comun aquelas ideas forza máis reveladoras da nosa razón de ser como organización, explicitamos como obxectivos da CIG os seguintes:

  • A mellora progresiva e xeral, individual e colectiva dos intereses das traballadoras e dos traballadores, da própria organización e do conxunto da sociedade galega, das condicións laborais e da calidade de vida.
  • O Marco Galego de Relacións Laborais e a construción da Central Sindical Única Galega.
  • A aprofundación democrática e social constante cara a achegar-nos a unha nova sociedade máis xusta e máis humana, sen explotación económica nen opresión política, caisquer que sexan as formas en que estas se manifesten. Por iso pretendemos a superación do sistema capitalista e a construción do socialismo.
  • O pleno exercício de todos os direitos humanos, individuais e sociais, sen discriminacións, incluído o de Autodeterminación.
  • Promovermos o máximo respeito á dignidade humana, a paz, a democrácia, a xustiza social e a igualdade, a aplicación da Declaración Universal dos Direitos Humanos através da acción colectiva das traballadoras e dos traballadores. Fomentarmos a solidariedade internacional, o bo entendimento e a boa vontade universais, o antimilitarismo, a solución pacífica dos conflitos, o desarmamento e a reconversión da indústria militar en civil, asi como unha nova orde internacional xusta.
  • Exixirmos a utilización pacífica, racional e ao servizo de toda a Humanidade dos avanzos científicos e tecnolóxicos, e impulsarmos modelos produtivos enerxéticos fundamentados ecoloxicamente.
  • Loitarmos contra toda forma de racismo, xenofóbia ou prexuízo e discriminación na sociedade en razón de sexo, estado civil, enfermidade, idade, língua, relixión, opinión política, opción sexual, posición social ou económica, orixe étnica, nacional ou cultural.
  • Impulsarmos a participación sociopolítica e a inserción laboral e profisional das mulleres e mocidade na sociedade, asegurando a igualdade de oportunidades e a auséncia de discriminacións, pularmos, de modo especial, polo seu papel dirixente nas organizacións sindicais.
  • Elevarmos e defendermos os direitos sindicais da afiliación através do apoio xurídico, laboral, etc., ante os organismos e foros que for necesário. Fomentarmos a organización e a solidariedade e o apoio mútuo como mecanismo de defensa dos seus intereses.
  • Promovermos as estruturas e accións necesárias para a plena integración na sociedade dos grupos máis desfavorecidos, co obxecto de eliminarmos as bolsas de extrema pobreza e marxinalidade combatendo as causas que as producen.
  • Pularmos pola completa normalización lingüística do idioma próprio de Galiza.
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS